Ideas de sobra

Por Manuel Casal Lodeiro 15-11-2021

 

Cantas veces teremos oído iso de que desde o Decrecemento non se fan propostas concretas? Calquera diría, escoitando os críticos deste movemento, que as persoas decrecentistas non fan máis ca criticar os males do crecemento perpetuo pero sen ofrecer alternativas. Tanto ten que sexan da dereita neoliberal, do socioliberalismo ou partidarios do Green New Deal: o mito da falta de propostas decrecentistas sólidas é transversal. Porén, desde o propio comezo do movemento, ou mesmo desde os seus precursores, ideas programáticas non é que falten, precisamente. Un exemplo local relevante témolo nas numerosas propostas políticas que foi elaborando desde hai unha década o colectivo Véspera de Nada, que ten abordado como realizar un decrecemento a prol da resiliencia e axeitado ás características do noso país tanto no plano local, como no galego e mesmo europeo. Algunhas delas foran incluídas na Guía para o descenso enerxético, un texto que está a vivir un renovado interese nestes tempos de crise enerxética imposible de disimular. Outro exemplo máis recente poden ser as medidas de choque para a resiliencia publicadas na revista 15/15\15.

Mais á vista está que fai falla insistir para desfacer o mito da falta de propostas prácticas realizables. Para facer máis visibles as alternativas que se propoñen desde o ecoloxismo social, o activista catalán Arnau Montserrat publicou hai uns meses un libro que está chamado a ser unha referencia notable nesta bibliografía das propostas para fuxir do peor dos colapsos: Nos sobran las ideas. Propuestario para una transición ecosocial. Froito dese período de reflexión ao que se veu forzado o activismo debido ao confinamento pola COVID, este horticultor en Can Masdeu e consultor alimentario do municipalismo ofrécenos nel unha minestra de ideas sumamente apetecibles, aderezadas cunhas potentes ilustracións do que probablemente sexa o creador gráfico máis comprometido co movemento en España, Miguel Brieva.

Nos sobran las ideas desmente o mito de que non existen propostas concretas para o Decrecemento

Apenas organizadas tematicamente (dereito, democracia, finanzas, economía, traballo, enerxía, tecnoloxía, territorio…) non pretenden conformar un programa coherente, senón un mostrario de orixes moi diversas pero cun denominador común: a transformación ecosocial. Isto é, non son propostas ecoloxistas, nin son propostas da esquerda social, senón que abranguen ambos os dous eixes ao mesmo tempo. Por suposto, a enorme cantidade de “ideas” fai inevitable unha certa incoherencia entre algunhas delas, ou que se perda nalgún momento de vista algún condicionante ecolóxico nas de carácter máis social (o caso máis frecuente), ou o condicionante social nas que atinxen máis ao medio ambiente (máis raro). Pero non é o obxectivo deste “panfleto” (así o define o autor, p. 21) ofrecer esa coherencia interna da que carecen mesmo os programas máis exhaustivos e detallados dos principais partidos políticos, así que non podemos poñernos tan esixentes cun traballo individual coma este, levado adiante co apoio de numerosos micromecenas e da editorial Pol·len. Ademais, cantos máis autores se citan nun traballo deste tipo, resulta máis improbable que uns teñan lido aos outros, e isto produce necesariamente inconsistencia entre non poucas das propostas.

Mais Arnau parece deixar nas mans dos colectivos sociais e activistas que lean estas páxinas, o traballo de detectar e resolver eses desencaixes na súa práctica ecosocial cotiá, aínda que iso o expoña a ser atacado por ese flanco polos contrarios a camiñar os descoñecidos carreiros que levan ao poscapitalismo. E tamén resulta vulnerable no sentido de que carece de crítica propia: isto é, parece moitas veces dar por sentado que todas as propostas que inclúe son perfectamente realizables, sen friccións non xa entre unhas e outras, senón sen problemas de aplicación como medidas aplicables individualmente. E iso é cando menos dubidoso en varias delas, como por exemplo no caso da Renda Básica Universal (pp. 122-123) ou na de dedicar o 20% dos orzamentos do Estado á Educación (p. 278), nun contexto de “decrecemento de enerxía e materiais” que alimentan de recursos os Estados, condicionante que o propio autor identifica como “o elefante no cuarto” (p. 10). Así, podería pensarse que, absorto polo titánico esforzo de compilar intelixencia colectiva, el mesmo acaba nalgunhas páxinas por esquecerse do paquidermo.

O libro recolle, filtra e organiza unha enorme pluralidade de voces da esquerda e do ecoloxismo social

Unha das características que máis asombra deste traballo é a pluralidade de voces e de fontes que recolle, que dá idea da capacidade do autor para seguir un moi grande número de medios. Isto fai especialmente valioso o propostario para a xente que de menos tempo dispón, para “filtrar” e “comprimir” as ideas realmente valiosas entre todo o que se publica desde os medios e autoras de esquerda e do movemento ecoloxista (pp. 21-22). Monsterrat filtrou, seleccionou e organizou para todos nós un magnífico compendio de receitas para abandonarmos o camiño que leva ao abismo. Numerosas citas enchen as páxinas de apertura de cada capítulo e centos de autorías individuais e colectivas son referidas nos seus textos, aínda que se cadra por unha publicación apresurada, a falta dalgunha revisión adicional, estas referencias non están todo o completas que unha lectora podería desexar. Iso si, faise mención a unha edición dixital na que supostamente se completan e se inclúen ligazóns, pero non todas podemos comprobalo porque (ai, as incoherencias!) só se ofrece un código QR e non unha URL escrita para chegar a ela, co cal se obriga absurdamente ás persoas lectoras a dispoñeren dun teléfono capaz de procesar estes códigos. Se cadra cunhas sinxelas notas a pé de páxina podíase evitar mesmo a necesidade de acceder a ningún complemento dixital do libro; a explicación parece estar en que o libro naceu como un PDF pero ao pasalo a formato impreso as ligazóns simplemente se eliminaron, no canto de se converteren en notas que especificasen a fonte.

A bibliografía incluída ao final do libro tamén é sorprendentemente exigua (pouco máis de 2 páxinas) e carente de textos básicos como a mencionada Guía para o descenso enerxéticoLa Vía de la Simplicidad e outros. Poida que estas carencias sexan os principais puntos débiles da obra, porque dificultan o seguimento dos numerosos fíos dos que o autor nos convida a tirar (“te recomendamos encarecidamente ir a las fuentes”, p. 23) para coñecer máis en detalle as propostas, por forza apenas bosquexadas no texto. No canto do seu súpeto final tamén se acha en falta algún xeito de conclusión ou de epílogo que axude a atar os cabos presentados ao longo do volume, e que podería servir para abordar, mesmo que só fose de maneira tentativa, unha estratexia para levar todo iso á realidade.

Outra característica pouco frecuente nun texto deste tipo, que para algunhas persoas pode supor un atranco, ao tempo que para outras pode ser unha vantaxe, é a linguaxe coloquial do autor, que recorre a unha peculiar xerga que imaxinamos propia de determinados ámbitos activistas ou subculturais que non semellan especialmente amplos (“señoro”, “plantacionoceno”, “hopepunk”, “viejoven”, “alargascencia”, “topofilia”, “procomunizar”, etc.), e que convive de maneira chocante cunha linguaxe máis seria que mesmo chega a empregar en ocasións termos que rozan o pedante (“una suerte de”) ou que directamente non se entenden, mesmo por parte dun lector activista. En numerosas ocasións, seguramente pola imposibilidade de explicar tantas cousas, tamén atopamos que o autor emprega certos conceptos que sería desexable atopar definidos nun glosario.

Partindo dunha análise do contexto actual de crise ecosocial, argumenta con datos precisos, a necesidade de cada proposta.

Por outra banda, cómpre sumar aos logros do autor nesta orixinal obra o equilibrio conseguido entre os diagnósticos das diversas doenzas ecosociais e os tratamentos que recolle. Sen se estender demasiado (o receitario xa ten 300 páxinas e non se trata de facer unha enciclopedia da transición ecosocial), ofrece, partindo dunha análise do contexto de crise ecosocial na introdución do libro, argumentacións breves e concretas, soportadas por datos precisos, para cada unha das propostas: por que é que son necesarias ou, cando menos, interesantes como acción social ou política. Isto non é tan doado de facer (coñecemos moitos programas electorais que o fagan?) e ofrece solidez ao libro como instrumento para a pedagoxía social.

En definitiva, estamos diante dunha achega moi meritoria que precisará pulir as súas deficiencias nas novas edicións que esperamos teña, pero que sen dúbida xa é valiosa, en primeiro lugar para calquera lector ou lectora, especialmente aqueles máis novos en fase de concienciación e á procura de propostas, a quen lles servirá como contundente desmentido dos modernos adaís do There Is No Alternative (p. 21). Mais se ten un valor especial é o de axudar a completar ocos programáticos a moitos movementos sociais e, por que non, aos partidos políticos que se atrevan a dar pasos cara ao necesario poscapitalismo decrecentista e ecosocial. Como demostra este libro, e afirma o seu autor (p. 19), “o principal atranco non é a falta de medios ou de ideas, senón a ausencia de determinación”.

 

https://www.elsaltodiario.com/saber-sustentar/arnau-montserrat-ideas-de-sobra-

 

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*